mércores, 1 de setembro de 2021

SE QUERES FACER UNHA FPB

Si estás pensando en obter unha formación profesional básica para traballar ou para poder acceder á FP de grao medio e non tes a titulación exixida, podes solicitar praza nun centro para cursar un ciclo básico, do catálogo da FPB. Continúa lendo si te interesa esta información.

 A formación profesional básica forma parte das ensinanzas de formación profesional do sistema educativo. Ordénase en ciclos formativos organizados en módulos profesionais de duración variable.

Os ciclos formativos de formación profesional básica teñen unha duración de 2000 horas ou 2 cursos académicos. Na modalidade de FP dual ata 3 cursos.

Estas ensinanzas responden a un perfil profesional que inclúe ao menos unha cualificación profesional completa de nivel 1 do Catálogo Nacional de Cualificacións Profesionais.

Que título se obtén?

Superando un ciclo de FP básica obtense o título profesional básico correspondente ás ensinanzas cursadas.

Adicionalmente, segundo o Real decreto lei 5/2016, do 9 de decembro, de medidas urxentes para a ampliación do calendario de implantación da Lei orgánica 8/2013, do 9 de decembro, para a mellora da calidade educativa, ata a entrada en vigor da normativa resultante do Pacto de Estado social e político pola educación, os alumnos que obteñan un título de formación profesional básica poderán obter o título de educación secundaria obrigatoria sempre que, na avaliación derradeira do ciclo formativo, o equipo docente considere que alcanzaron os obxectivos da educación secundaria obrigatoria e adquiriron as competencias correspondentes.

Cal é a validez dos títulos?

O título profesional básico ten tanto valor académico como profesional.

Éste título permite o acceso a calquera ciclo formativo de grao medio. En caso de concorrencia competitiva, que existan máis solicitudes de matrícula que prazas, cada título profesional básico permite a aplicación de criterios de preferencia para a admisión a certos ciclos de grao medio.

Os alumnos e alumnas que finalicen os seus estudos sen obter o título profesional básico, recibirán a certificación académica dos módulos profesionais superados que terá efectos académicos e de acreditación parcial acumulable das competencias profesionais adquiridas en relación co Sistema Nacional de Cualificacións e Formación Profesional.

O título profesional básico ten os mesmos efectos laborais que o título da ESO e capacita para levar a cabo funcións de nivel básico de prevención de riscos laborais.

Requisitos

Requisitos que debe cumprir o alumnado de forma simultánea:

  • Ser proposto/a polo equipo docente
  • Consentimento do pai, da nai ou dos/das titores/as legais
  • Facer 15 ou 16 anos no ano de inicio do ciclo formativo
  • Ter cursado o terceiro curso de educación secundaria obrigatoria ou, excepcional­mente, ter cursado o segundo curso

A proposta do equipo docente, tamén poderá solicitar a admisión na FP Básica o alumnado de 17 anos feitos no ano de inicio do ciclo formativo, escolarizado na educación secundaria obrigatoria.

De quedar prazas vacantes, completaranse os grupos con persoas que cumpran os seguintes requisitos:

  • Que fagan 18, 19 ou 20 anos no ano de inicio do ciclo formativo
  • Que non estean en posesión dun título de formación profesional ou calquera outro título que acredite a finalización de estudos secundarios completos

Que hai que facer para matricularse?

Presentar unha única solicitude de admisión e matrícula, asinada pola persoa solicitante (se esta é menor de idade, ademais deberá ser asinada por calquera dos/das titulares da patria potestade ou representantes legais)

A solicitude presentarase no centro educativo no que pretenda ser admitido, e no caso de que a docencia do ciclo se organice en dous centros, a solicitude deberá presentarse no centro onde se impartan os módulos asociados a unidades de competencia.

Documentación a presentar:

  • Copia do DNI ou NIE, no caso de non dar o consentimento para a comprobación dos datos de identidade no sistema de verificación do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas
  • Comunicación de incorporación á formación profesional básica segundo o anexo IV, no caso de alumnado que foi proposto polo equipo docente con 15, 16, ou 17 anos
  • Certificado de discapacidade, no caso de participar no proceso de admisión pola re­serva para persoas con discapacidade

Cal é o período de admisión na FP básica

  • Presentación de solicitudes: do 1 de setembro ao 10 de setembro
  • Listaxe de admitidas/os: 15 de setembro
  • Reclamación por si non apareces na listaxe: do 16 ao 17 de setembr
  • Matrícula: do 15 ao 22 de setembro.

Onde podo cursar un ciclo formativo básico?

·         Consulta no portal edu xunta ou no blog orientatron

Terás que cubrir unha solicitude (anexo I) e presentala no centro no que queiras ser admitido/a, coa copia do DNI e o anexo IV. Tes de prazo ata o 11 de setembro.

Consulta a oferta e ponte en contacto coa túa orientadora.

Ningún comentario: