sábado, 22 de xuño de 2019

ADMISIÓN NA FP 2019

Para a admisión á FP deberás presentar unha solicitude: do 24 de xuño ao 2 de xullo ás 13:00 horas. Consulta o calendario.
Deberá cubrirse unha única solicitude para cada modalidade e grao utilizando o asistente informático que estará dispoñible en www.edu.xunta.es/fp. Consulta como facelo aquí.
Consulta os folletos.
As prazas adxudicadas publícanse nas listaxes de adxudicación. As persoas con praza adxudicada poden: 
  • Matricularse: deberase facer no centro adxudicado e nos prazos establecidos. Tamén estará dispoñible a reserva de matrícula a través da aplicación informática. Estar matriculado en calquera ensinanza, incluída a FCT, implica a renuncia a participar no proceso de admisión a ciclos formativos. 
  • Renunciar á praza: deberase facer, nos prazos establecidos, en calquera centro público de Galicia con oferta de FP ou a distancia a través da aplicación informática. A renuncia afectará á praza que lle foi adxudicada e a todos os ciclos sinalados en lugares posteriores na solicitude. Seguirase no proceso de adxudicación para os ciclos anteriores á praza que se renuncia. 
  • Non matricularse nin renunciar: as persoas que non se matriculen nin renuncien a prazas adxudicadas do réxime ordinario quedarán excluídas do proceso de admisión para este réxime e só se poderán matricular en prazas que queden vacantes ou liberadas.
Recorda que para calcular a nota de acceso a grao medio:

“Será a puntuación obtida como media aritmética das cualificacións logradas nas áreas, nas materias e nos ámbitos do cuarto curso, agás a materia de Relixión, expresada con dúas cifras decimais. No caso das ensinanzas da educación secundaria obrigatoria da educación de persoas adultas, só se terán en conta as notas obtidas nos tres ámbitos de coñecemento”.
En caso de empate seleccionarase ao sexo menos representado no ciclo solicitado
De persistir o empate resolverase mediante as letras de desempate: serán as letras E e C as de prioridade que afectan ao primeiro apelido, e as letras U e P as que afecten ao segundo apelido

Prazos de inscrición:
  • O prazo ordinario será do 24 de xuño ata as 13:00 horas do 2 de xullo. 
  • O prazo extraordinario, só para ciclos de grao medio, abranguerá desde o día 2 ao 10 de setembro ás 13:00 horas.
Matrícula:

Obterás o modelo de impreso en http://www.edu.xunta.es/fp. Este documento cuberto e asinado, deberás entregalo persoalmente no prazo de matrícula. 
As persoas que desexen matricularse nunha praza liberada entregarán persoalmente ou por persoa autorizada a documentación no centro que oferte a praza. 

Renuncia a prazas adxudicadas:

A renuncia deberase realizar co impreso correspondente, que estará dispoñible en http://www.edu.xunta.es/fp. Deberá entregarse en calquera centro de Galicia con oferta de formación profesional sostida con fondos públicos ou no centro no que lle fose adxudicada a praza á que vai renunciar. Tamén se poderá realizar a renuncia na aplicación .O feito de renunciar á adxudicación dunha praza do réxime ordinario é condición indispensable para permanecer na listaxe de espera dos ciclos de maior preferencia que a praza adxudicada. As persoas solicitantes admitidas no réxime ordinario que non se matriculen e non presenten renuncia no prazo indicado perderán o dereito á súa praza e só poderán matricularse no caso de existir prazas vacantes ou liberadas.

Novidade:

  • Este ano non haberá período extraordinario de presentación de solicitudes para ciclos superiores, en calquera réxime, debido ao adianto da convocatoria de avaliación extraordinaria de Bacharelato. Todo o alumnado estará en disposición de participar no período ordinario de admisión a ciclos de FP. 
  • As persoas que desexen participar no proceso de admisión a FP Dual terán dispoñible un documento informativo específico que se poderá consultar na páxina web: http://www.edu.xunta.es/fp/ven-fp 


Ningún comentario: